Ribadavia, 23 de xuño de 2020

Marta Pazos, Premio de Honra da MIT 2020

Acta do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” 2020 concedido pola MIT Ribadavia ao mérito nas artes escénicas a Marta Pazos, da compañía Voadora

Actriz, directora escénica, escenógrafa, Marta Pazos é unha das creadoras escénicas máis puxantes do panorama teatral contemporáneo. Fundou Voadora en 2007 con Hugo Torres e Jose Díaz, propiciando a consolidación dun equipo interdisciplinar no que priman a música e a suxerente plástica escénica como principais sinais de identidade.

Antes de Voadora, Marta Pazos foi actriz en producións do CDG, Teatro Oficina, Chévere, Belmondo e xa no ano 2000 comeza a firmar postas en escena a medio camiño entre España e Portugal. Entre outros, recibiu os Premios María Casares á mellor Dirección e mellor Escenografía, o Premio Nacional de Teatro para Directoras de Escena de Torrejón de Ardoz ou o de Mellor actriz no IX Indifest.

A actividade crecente, as investigacións constantes na linguaxe artística contemporánea e a fulgurante proxección desta pontevedresa licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona maniféstase na cantidade de convites que recibe para dirixir, estrear ou coproducir proxectos con diversas institucións de prestixio no ámbito escénico coma o CDG, CDN, Festival de Almada, Teatro Español, etc. Coa MIT coproduciu dous espectáculos a partir da obra de William Shakespeare, Soño dunha noite de verán e A Tempestade, cuxa triloxía se completará cunha versión de Otelo, axustada ao foco conceptual e ao selo estético particular da linguaxe de Voadora.

Recentemente, Pazos tamén fixo unha moi sorprendente incursión no terreo da lírica, levando a cabo a dirección de  e suis narcissiste, unha ópera bufa para o Teatro Real, composta por Raquel García-Tomás a partir dun libreto de Helena Tornero, con notable éxito por parte da crítica e do público.

Marta Pazos, unha das mulleres de gran talento, traballo e entusiasmo da cultura galega actual. Alimenta o noso espírito con pezas que nos fan vivir plenamente a festa da vida, os sabores doces e tamén o ácido existir actual. Este premio é a constatación dos valores que fomos descubrindo, do acompañamento que este festival foi realizando, das portas que nos fomos axudando a abrir e do moito que lle queda por voar a esta creadora galega universal.