A AAAG e a Mostra de Teatro de Ribadavia coorganizan uncurso de formación para profesionais escénicos coa prestixiosa directora teatral Laila Ripoll
O taller está destinado a profesionais das artes escénicas, celebrarase entre o 14 e o 20 de xullo, no marco da 34ª edición da Mostra de Ribadavia e o prazo de inscrición ábrese mañá dende a páxina web da AAAG
Luns, 18 de xuño de 2017.- A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) coorganiza xunto a Mostra de teatro de Ribadavia (MIT Ribadavia), coa inestimable colaboración da Fundación AISGE, o obradoiro de formación profesional Imaxes e actuación: Traballo co imaxinario, impartido pola prestixiosa dramaturga e directora teatral Laila
Ripoll. O curso desenvolverase no Auditorio da Casa da Cultura Manuel María de Ribadavia e celebrarase entre o 16 e 20 de xullo no marco da histórica mostra ribadaviense, que neste 2018 chega a súa trixésimo cuarta edición.
Cunha duración de 20 horas repartidas entre as 10.00 e as 14 horas das catro xornadas, o curso está destinado a profesionais das artes escénicas e conta con 15 prazas activas e outras 15 para oíntes. A inscrición estará aberta dende mañá martes 18 de xuño ás 10.00 horas até o mércores 4 de xullo e realizarase a través do formulario que figura na páxina web da AAAG .
No obradoiro Imaxes e actuación: Traballo co imaxinario, Ripoll tratará míticas formulacións propias da fantasía e a súa correlación co mundo teatral. Achegarase así, xunto ao alumnado aos personaxes fantásticos das artes escénicas con absoluta liberdade ao tempo que se afonda en diversas vías de investigación. Deste xeito, buscarase polos carreiros da imaxinación para nutrir o imaxinario para chegar a construílos coa máxima riqueza. Ese será o principal obxectivo deste taller, cuxo prezo de matrícula é de 60 euros para socios/as de AAAG e da ISGE, 90 para o resto de profesionais. As prazas para oíntes custarán 30 euros. A admisión do alumnado realizarase a través da valoración de Ripoll sobre os currículos e cartas de motivación
de todos os inscritos que aspiren ao taller.
Con este curso, a AAAG e a MIT Ribadavia volven colaborar por segundo ano consecutivo na planificación de iniciativas formativas. Nesta ocasión, contan coa colaboración de Laila Ripoll, quen toma o relevo do docente do curso pasado, Alfredo Sanzol, director escénico e dramaturgo, gran referentes do panorama escénico estatal e codirector -xunto a Andrés Lima- do anovador proxecto de Teatro de la Ciudad
LAILA RIPOLL
Directora teatral, dramaturga e actriz. Recibiu, entre outros, o Premio Max, o Premio Nacional de Literatura Dramática, o Ojo Crítico, o José Luis Alonso, o Ciudad de Palencia ou a Homenaxe da Mostra de Teatro Español de Autores Contemporáneos. Ripoll formou parte do Consello Asesor da Compañía Nacional de Teatro Clásico e do Consello do Teatro do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música ( INAEM). En 1991 funda Micomicón onde dirixiu máis de vinte espectáculos. Desde esa data desenvolveu un traballo de investigación e recuperación dos textos do Século de
Ouro español, con especial atención a Lope de Vega. Con Micomicón viaxou por toda Iberoamérica. O contacto coa realidade dese continente deixou unha pegada profunda no seu teatro. É autora de máis de vinte textos teatrais, ademais de versións e adaptacións de textos clásicos e contemporáneos.