O 19º Premio Abrente é a primeira actividade que se anuncia desta MIT 2024, que chega á súa 40 edición con afán de retrospectiva e autoavaliación de todo o feito para impulsar o que queda por facer.
O prestixioso festival internacional de Artes Escénicas celebrarase do 19 ó 27 de xullo de 2024.
Apróbanse as bases do Premio Abrente, que aumenta a súa dotación ata os 4.000€ e sigue garantindo o apoio da edición e da escenificación das obras dramáticas gañadoras. O premio consolidouse como un dos principais símbolos de apoio constante á creación escénica en galego.
En Ribadavia xestouse unha oportunidade internacional de relación sostible da creación escénica galega coa exterior. Foi hai 40 anos, despois da etapa do teatro independente e da Transición. Hoxe, vai chegando, paseniño, a cotas de prestixio internacional. Segundo o Informe anual do Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, publicado hai uns días, a MIT é o único proxecto cultural destacable das provincias do interior galego -Lugo e Ourense- en 2023:
https://www.lafabrica.com/observatorio-de-la-cultura/
Este feito, lonxe de contentarnos, obríganos a pensar na febleza e precariedade do sistema cultural galego e da súa pouca relevancia a nivel estatal ou internacional. A MIT consegue manter con certa dignidade as súas accións e compromisos grazas a dous factores claros nos últimos anos, o crecemento do público e o respaldo económico do Ministerio de Cultura. Os seus compromisos, profesionalidade e innovación seguen a ser motivo de orgullo para os galegos e galegas, que a senten como a súa capital teatral, cunha oferta de primeiro nivel, nun contexto patrimonial excepcional.
O Premio Abrente foi apoio e canteira de dramaturgas hoxe consolidadas como Esther Carrodeguas, novas voces saídas da ESAD de Galicia coma Ana Abad de Larriva ou Nerea Brey e autores xa con longa traxectoria artística como Roberto Salgueiro ou Manuel Lourenzo. É unha das moitas actividades paralelas do festival, que non se limita á exhibición de espectáculos, entendendo o evento como un lugar de crecemento, lecer, encontro, pensamento, creación e acompañamento e, por enriba de todo, como un ben colectivo que camiña cara a garantía pública do dereito cidadán á cultura.
Máis información e bases completas en:
https://mitribadavia.gal/premio-abrente
Servizo de prensa e comunicación da MIT Ribadavia
prensa.mitribadavia@gmail.com