Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Marta Pazos, Alberto Conejero, Esther Carrodeguas… Confluencia de prestixiosas directoras, dramaturgos e coreógrafas nunha MIT máis plural, máis inclusiva e máis festiva ca nunca.
Grandes nomes do clown coma o arxentino Gabriel Chamé ou a inglesa Peta Lily, o teatro popular e contemporáneo con estreas en Galicia de actores como Alberto Velasco ou Los Galindos, así como a estrea do espectáculo do CDG “Nada se sabe”, tamén de celebración do 40 aniversario, conforman unha ampla programación con documentais, coloquios, cursos e presentacións.
A MIT aposta pola idea de espello para revisar, fortalecer e seguir innovando. Novos nomes da escena internacional que nunca estiveron en Galicia, estreas e reafirmado apoio a aquelas voces que emerxeron do noso panorama escénico da man do festival tamén co recoñecemento do público da MIT, como pode ser a dobremente premiada (en 2017 e 2020) Nova Galega de Danza. Despois do seu 20 aniversario, a nova andaina da compañía será a encargada de abrir no Castelo a 40 edición co espectáculo DIQUE, dirixido por Marta Pazos e coa coreografía da mallorquina Belén Martí Lluch (colaboradora de artistas coma Albert Pla, La Tristura, Javier Calvo e Javier Ambrossi en “La Mesías” ou na nova biopic “Superestar” para Netflix, etc.), xunto cun equipo integramente de mulleres. DIQUE é un espectáculo arredor da memoria local, con raíces no Ferrol natal da compañía e brazos extendidos na linguaxe universal de fusión entre o baile tradicional e a linguaxe contemporánea que dende sempre procura a compañía. É un espectáculo que fala das 200 mulleres que hai 150 anos excavaron o Dique da Campá de Ferrol, un fito na enxeñería española do século XIX. Un espectáculo de homenaxe e de reflexión actual a partir da historia, en coprodución co CCG.
A danza e a fusión con outras linguaxes artísticas, a creación híbrida, sempre foi un sinal de identidade da MIT, nesta edición tamén grazas á presenza de artistas coma Nuria Sotelo e Clara Ferrao, Alberto Velasco ou a brasileira Alice Ripoll. Vibrante e reivindicativa, a última creación de Alice Ripoll faise eco das aspiracións da xente moza do Brasil nun momento de transición sociopolítica. Unha peza efervescente que fala das esperanzas dunha xeración esquecida e que anhela reinventarse. Eles mesmos din que forman un grupo de danza “que é algo máis cá suma dos seus membros”. Aquí báilase o passinho, unha danza urbana que mestura o pop, o funk e o breakdance cos ritmos brasileiros e que naceu nas favelas, pero tamén hai danza de contacto, teatro, investigación vocal, danzas afro, afrohouse, sabala e danzas do norte e nordeste do Brasil, como a pisadinha e o brega funk, ademais dalgunhas danzas nacidas nas redes sociais. A compañía está totalmente conectada co Brasil contemporáneo e é capaz de extraer as súas esencias para presentalas cun toque de crítica social e política.
Dubidar é un pensamento revolucionario nunha sociedade de certezas impostas como a nosa. E a partir desta introdución, dúas actrices e dous actores con diversidade funcional repasan diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose nunha adaptación moderna e sinxela, composta por Manuel Lourenzo, de Filoctetes, unha das traxedias gregas de Sófocles, partindo da idea da diferenza, o/a discriminado/a, o/a diferente, que a sociedade non sabe (ou non desexa) incluír. Desde o seu propio punto de vista, resignifican eses textos desde esa diversidade, advertindo ao público e á sociedade de que Nada se Sabe sobre o que as persoas con discapacidade son, pensan, senten, queren, e da posición que desexan ocupar na vida, na sociedade e na arte. Esta é a aposta do CDG e da MIT para unha celebración conxunta dos 40 anos da principal institución escénica galega. Nada se sabe é un espectáculo dirixido por Ignacio García, quen foi director do Festival de Almagro, e en coprodución con Culturactiva, colectivo que leva anos creando, producindo e mediando en diversos ámbitos, conflitos e causas de vulnerabilidade ou desigualdade social.
Tamén hai unha clara aposta pola dramatuxia actual do resto do Estado, como podemos ver nos títulos de recoñecidos autores e compañías como En mitad de tanto fuego de Alberto Conejero, con dirección de Xavier Albertí e a maxistral interpretación de Rubén de Eguía, é unha unión de tres grandes talentos que presentan un espectáculo que é tanto unha canción de guerra como un oratorio polas vítimas, un poema escuro no cal se fala da violencia do campo de batalla, pero tamén da violencia do desexo. A partir da Ilíada, Conejero creo un texto de grande interese contemporáneo.
Outra compañía referente na dramaturxia actual é El Pont Flotant, que chega por vez primeira á MIT cun aclamado espectáculo (Premio Max mellor autoría 2023, Premio Cartelera Turia, dous premios de Teatro valenciano, Premio do Público do FIOT) Unha proposta que impregna de humor o ritual, que mestura o transcendental co cotián e que parte do íntimo e persoal cara o social. Unha reflexión sobre o legado, sobre a memoria, o misterio, os tabús, a dignidade.
Por vez primeira tamén na MIT estará un dos dramaturgos con maior proxección internacional de Chile na actualidade: Guillermo Calderón. Chega á MIT por vez primeira cunha das súas obras máis exitosas: Villa. Tres mulleres debaten varias alternativas para dar un novo uso á Villa Grimaldi, un coñecido centro de detención e tortura da ditadura. A charla presenta o conflito que xera, entre as asociacións defensoras da memoria das vítimas, a maneira de tratar os restos físicos do réxime militar.
Ademais do Castelo, a MIT reforza nesta edición os espectáculos de rúa e terá dúas sesións golfas con dúas propostas arredor do Karaoke, nun lugar ideal, o Club Artístico. Deadpan Karaoke (2 Premios María Casares 2024) e a coprodución da MIT coa compañía Manekineko Cancións amarelas, flores tristes, serán as dúas opcións deste ano para alongar o encontro e a noite de verán teatral en Ribadavia. Arredor de ideas como a o amor romántico, a soidade, anhelos e vidas diversas, con accións divertidas e participativas, estes espectáculos coverterán este lugar tan representativo dos encontros festivos e populares, nun espazo aberto a estas novas dramaturxias de contacto máis íntimo co público que nos ofrecen Ibuprofeno Teatro e a nova compañía de Ernesto Is e Nerea Brey (ambos premiados co Abrente de textos teatrais da MIT).
Existe na programación desta 40ªMIT tamén unha gran aposta polos espectáculos de público familiar, para todas as idades, de calidade e esixente, con distintos formatos, dende os de circo contemporáneo ata as artes de rúa e formas animadas. Podemos destacar o fenómeno do espectáculo PAÜRA unha aventura escénica de humor para todos os públicos con música en directo arredor dos medos. Unha peza multidisciplinar que une circo, teatro e música. Pero na Veronza tamén poderemos gozar das catalanas Les Corcoles e Hotel Iocandi na Franqueirán ou da primeira obra para rúa feita polo famoso grupo de teatro físico Yllana, compañía premiada polo Público da MIT nos últimos anos e que presenta unha coprodución murciano-madrileña nos espazos de rúa das parroquias, dentro do programa SputMIT, en Francelos.
E para clausurar esta 40ª edición, unha coprodución co Centro Dramático Nacional e Butaca Zero, Iribarne, unha investigación escénica sobre unha desas figuras absolutamente imprescindibles do noso pasado recente. Un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí da man dun político que, nas súas propias palabras, dicía as verdades sen condón. Pero ollo: por máis que o poida parecer, Iribarne é un biopic sobre Manuel Fraga, é unha farsa política moi documentada, sagaz e en certo modo épica.
Ademais dos espectáculos, a MIT conta cunha serie de actividades que teñen como obxectivo fundamental a divulgación do coñecemento escénico, a cohesión territorial e social e a continuidade de procesos artísticos. Neste sentido, na 6ª edición das Residencias Paraíso na Igrexa da Madalena, acolleremos The miracle worker, un proxecto de creación da compañía madrileña Desgarradura que nace da necesidade de conectar co lugar de orixe, despois de saír da terra e formarse e madurar fóra dela, lonxe das súas familias e raíces, coa intención de construir un dispositivo escénico capaz de imaxinar o milagre do reencontro. Foros, presentacións de libros, actividades de mediación coa Asociación Foco para a Formación e a Cooperación en Europa, cursos en colaboración coa Asociación Galega de Clown, unha exposición, encontros da Academia Galega de Teatro ou a estrea do último documental de Xan Leira, son algúns exemplos das importantes actividades paralelas do festival. O documental Abrente, do ermo á rebeldía, recolle reflexións e documentos desa importante etapa do asociacionismo de Abrente que, na súa curta traxectoria asociativa, expresou unha firme convicción pola promoción do teatro en galego: 8 mostras con 108 representacións e igual número de certames de textos teatrais coa participación de 150 pezas dramáticas. As cifras amosan só unha parte do inmenso legado material e inmaterial que consagran á Asociación Cultural Abrente de Ribadavia como un referente ineludible na historia do Teatro Galego.
A venda de entradas comeza cos abonos para todos os espectáculos do Castelo. Cada ABONO terá un prezo de 69 € e poderá adquirirse na oficina da MIT, na Praza Maior de Ribadavia e a través da web de Ataquilla.com
Será posible facelo dende o día 6 de xuño ata o día 24 de xuño. A partir do día 25 de xuño as entradas restantes poñeranse á venda, tanto na oficina como na web.
PROGRAMA 40ª MIT RIBADAVIA 2024
19-27 XULLO
Día 19 // VENRES
20:00 Inauguración oficial da MIT 2024. Igrexa da Madalena.
21:00 – Ruadavia (Itinerante) – Nauta Teatro e Trópico de Grelos – Treboada – Galicia.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Dique– Nova Galega de Danza e CCG, co apoio da MIT – Galicia.
00:30 – Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 20 // SÁBADO
12:30 – Igrexa da Madalena. Encontro-coloquio “Mulleres en danza”. Con Alice Ripoll e Belén Martí Lluch.
20:30 – A Franqueirán – Peixe – Hotel Iocandi-La maleta dels espectacles – Cataluña. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Zona Franca – Alice Ripoll & CIA. Suave – Brasil.
1:00 – Club Artístico – Deadpan Karaoke – Ibuprofeno – Galicia. (Sesión Golfa)
Día 21 // DOMINGO
13:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Acto de Entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro.
20:30 – Igrexa da Madalena – Programación expandida – Residencias Paraíso: The miracle worker, de Desgarradura – Galicia-Madrid.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Paüra – Compañía Lucas Escobedo – Comunidade Valenciana.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 22 // LUNS
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 1.
20:30 – Francelos – Glubs – Yllana e Nacho Vilar – Madrid-Murcia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Othelo (termina mal) – Gabriel Chamé-Buendia Theatre – Arxentina.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 23 // MARTES
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 1.
12:30 – Igrexa da Madalena. Inauguración da exposición “A Casa Vella”.
20:00 – Santo André. Museo do Viño – Vestirme de ti – Nuria Sotelo e Clara Ferrao – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
21:00 – A Veronza – H – Les Corcoles – Cataluña- Francia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Eclipse total – El pont flotant – Comunidade Valenciana.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 24 // MÉRCORES
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 2.
20:30 – Alameda (Ruadavia) – Mortos de risa – Los Galindos – Cataluña.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Villa – Guillermo Calderón & Festival Santiago a Mil – Chile.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 25 // XOVES
11:00-14:00 e 16:00-19:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de Darkclown con Peta Lily. Nivel 2.
20:00 – Sampaio – Ciganí – Antón Coucheiro – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – En mitad de tanto fuego – Miramedia e Festival GREC – Madrid-Cataluña.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 26 // VENRES
12:30 – Igrexa da Madalena. Encontro-coloquio “Teatro público. Inlusión e outros dereitos. 40 anos do CDG”.
21:00 – San Cristovo – Mute – Cia. Orain Bi – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Nada se sabe – CDG e Culturactiva – Galicia.
1:00 – Club Artístico – Cancións amarelas, flores tristes – Manekineko – Galicia. (Sesión Golfa)
Día 27 // SÁBADO
12:30 – Igrexa da Madalena. Presentación de libros e resolución do Premio Abrente 2024.
19:00 – Casa da Cultura. Proxección do documental de Abrente, de Xan Leira.
21:00 – Praza Buxán-Igrexa da Madalena – Mover montañas – Alberto Velasco. Madrid-Castela León.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Iribarne – ButacaZero, CDN e MIT – Galicia.
Atentamente,
Servizo de prensa e comunicación da MIT Ribadavia
Tel. 607332032