Ribadavia, 15 de xuño de 2018
A MIT presenta o programa da súa 34ª edición, cun total de 21 representacións e un reforzo de espectáculos de rúa.
O espectáculo de inauguración será Commedia, un xoguete para Goldoni, estrea absoluta e coprodución entre a MIT e a compañía de Cándido Pazó, para despois xirar por outros festivais de verán e teatros do país. O de clausura será a estrea en Galicia do espectáculo inglés The Table, de Blind Summit, premio do Festival Fringe de Edimburgo e un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune, entre outros galardóns.
A MIT tamén se congratula de anunciar a estrea en España dos espectáculos internacionais La Goia, do gran artista italiano Pippo Delbono e Ella sobre ella, da recoñecida directora e dramaturga uruguaia Marianella Morena. Dous grandes nomes do teatro contemporáneo internacional, como é costume no festival, que en cada edición reserva un apartado para os artistas escénicos internacionais máis destacados. No programa de 2018, sen obviar o criterio de calidade, a MIT demostra o compromiso de igualdade asinado na pasada edición cos Tempadas de Igualdade, como se pode ver nos espectáculos asinados polas creadoras d'A Panadaría, De Vacas, Marianella Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll, Cristina Collazo, La Nórdika ou Lali Álvarez. Do conxunto do estado, preséntase unha escolma dos mellores traballos escénicos do ano en diversos formatos, pois a diversidade de linguaxes e estilos é un dos selos de calidade da MIT. Así haberá circo, teatro musical, teatro documento, drama e comedia procedente de Asturias, Andalucía, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Extremadura ou Castilla La Mancha. No ámbito internacional, con procedencia de Reino Unido, Italia, Portugal, México e unha mirada especial á creación actual da dramaturxia uruguaia, coa presentación da obra de Marianella Morena e Sergio Blanco. O programa complétase con cursos, obradoiros, conferencias, presentacións de libros e espectáculos en lugares insólitos, entre os viñedos do Ribeiro e en zonas do rural, dentro do espazo SputMIT, satélites da MIT para poñer en valor a arte no marco excepcional da paisaxe do Ribeiro.
A comedia musical, as linguaxes híbridas da escena actual e a diversidade son as liñas mestras que conforman o programa desta 31ª edición da MIT.
En 1993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, estreábase “COMMEDIA un xoguete para Goldoni” un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisitamos aquela experiencia, celebramos aquela festa teatral.
Festiva e musical tamén é “Mendoza”, da compañía mexicana Los Colochos. Corren os tempos da Revolución mexicana, a ambición polo poder enseñoréase no territorio nacional. Neste contexto o Xeneral José Mendoza recibe os tentadores vaticinios dunha vella bruxa, os mesmos que son exacerbados pola súa persuasiva muller. É así como empeza unha cadea de sangue que parece non ter fin.
“Mendoza” é un proxecto feito para a xente do común, realizouse facendo ensaios en casas de persoas que non teñen unha relación directa co feito teatral e analizando as súas opinións. Mendoza permítenos achegarnos a un clásico a través dos nosos propios referentes. Nese sentido, calquera persoa pode observar, entender, conmoverse e gozar desta montaxe. A Compañía Los Colochos fundouse en 2010 en México e en menos dunha década converteuse nun referente da escena iberoamericana grazas a unha filosofía que aposta por facer accesible o teatro a todas as capas da sociedade. Este espectáculo está a ter unha gran proxección mundial e conseguiu o Premio AlmagroOFF 2014.
E seguindo co rito liberador, musical e festivo, A Panadaría, que presenta “Elisa e Marcela”. Unha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. “Elisa e Marcela” é unha historia de amor a contratempo, gran trinfadora dos Premios María Casares do Teatro Galego e outros como o I Premio Luísa Villalta para Iniciativas Culturais pola Igualdade ou o XIV Premio LGBT Marcela e Elisa do Colectivo ALAS.
Nesa liña musical, cabe descatar a versión do conto O gato con botas, que presenta a compañía A cova das letras, de Cristina Collazo, que na representación do festival contará co acompañamento musical en directo da Banda La Lira de Ribadavia, unha das principais institucións musicais de Ribadavia e unha conexión coa realidade local, que pon en valor a comunidade e o contexto. Tamén na esfera musical, cabe destacar a presentación do asturiano Rodrigo Cuevas ou da banda De Vacas.
En torno á historia, a memoria e a escena creada a partir de feitos reais, debemos sinalar unha serie de espectáculos imprescindibles. A gran actuación e o potente espectáculo “Ragazzo” (a partir dosuceso do asasinato de Carlo Giuliani no cumio do G8 en Génova no ano 2001), da catalana Lali Álvarez, o novo espectáculo de Laila Ripoll “Donde el bosque se espesa”, enmarcada no proxecto europeo HORIZON 2020 e UNREST para a memoria e a cohesión social transnacional europea e o espectáculo “Tebas Land”, un potente texto do franco-uruguayo Sergio Blanco, magnificamente interpretado e dirixido pola que foi directora do festival de Almagro, Natalia Menéndez.
Ademais dos espectáculos do Castelo, a MIT 2018 presenta un conxunto de espectáculos de rúa de gran nivel e cunha importante nómina de premios que avalan a súa calidade e recoñecemento do público. Dende a Comunidade Valenciana, o espectáculo de circo e obxectos “Emportats”, de La Trócola, Premio FETEN. Dende Andalucía, unha xoia que fusiona danza e circo, dirixido pola grande Rosa Díaz, fundadora de La Rous e unha das grandes mestras do teatro familiar e visual, “Rojo Estándar”, de LaNórdika. Io Circo e Inventi Teatro (teatro nun autobús, entre as viñas do Ribeiro) de Galicia, Musicoloco de Extremadura ou o submarino portugués de Ez, son outras das moitas propostas de rúa que nos esperan nesta nova edición da MIT. No apartado internacional, ademais dos xa citados, cómpre destacar a presenza de dous grandes referentes do panorama escénico actual. Pippo Delbono, a emerxente creadora uruguya Marianella Morena e a compañía Blind Summit Theatre do Reino Unido. “The Table”, de Blind Summit é un multi-premiado espectáculo de marionetas épicas, inspirado por Beckett, a Biblia e IKEA.Único e extremadamente divertido, THE TABLE é unha demostración da arte do títere e da improvisación cunha marioneta como nunca se viu antes. Pippo Delbono, por outro lado, é un prestixioso creador escénico italiano, que visita por segunda vez Galicia, despois do seu aplaudido paso pola MIT co espectáculo “Raconti di giugno”. Neste “La Gioia” (estrea en España), o elenco é moito máis numeroso e nel crea un espectáculo visual e conceptual a partir da idea de felicidade. Afirma Delbono, “cada espectáculo pode ser unha viaxe, un cruce de situacións, de estados de ánimo, diferentes intuicións que te collen por sorpresa. Facer un espectáculo sobre a ledicia significa buscar esa circunstancia única, significa cruzar os sentimentos máis extremos, a angustia, a felicidade, a dor, o entusiasmo, para tratar de encontrar, finalmente, nun instante, a explosión desta alegría.” Os actores de Delbono levántanse no escenario un tras outro e toman, cada un co seu sentir diferente, ao público pola man e convérteno nun compañeiro de viaxe. As historias persoais, as máscaras, os bailes, as pallasadas, os recordos son imaxes fugaces de persoas en busca de alegría. Marianella Morena, en “Ella sobre ella” (estrea tamén en España) tráenos un traballo escénico realizado a partir da personaxe histórica Carlota Ferreira (1838-1912), en diálogo co hoxe, co agora, establecendo unha ponte coa historia, a arte, as mulleres, as regras e morais, o erotismo e as convencións que pautan unha época, pero que unha muller se anima a desafiar. Coñecemos a súa imaxe porque o “pintor da Patria”, Juan Manuel Blanes, a inmortaliza, pero é o seu ollo sobre un corpo, é a mirada dun home sobre unha muller. Ningún artista é obxectivo, a arte é iso: transformar a realidade para crear universos paralelos. Esta peza transita por diferentes técnicas contemporáneas que van desde a escena teatral, a música, a performance, o TED e as artes visuais. Trasladamos a súa irreverencia ao acontecemento escénico. Un acto erótico, político, vivo, cuestionador, que usa os recursos ao servizo do relato e a actriz. Cun público activo, ao estilo e co ton das rapeiras contemporáneas, ela invítanos a dubidar sobre o peso das herdanzas e as dificultades para ser libres. Ademais dos espectáculos, o intenso programa de 10 días do festival, conta con presentacións de libros, conferencias, coloquios, encontros e cursos, así como outras actividades que se irán presentando con máis detalle.
A venda de entradas comeza o día 15 de xuño a través da páxina web de Ataquilla e na oficina do festival (Praza Maior de Ribadavia) a partir do 9 de xullo. A venda de abonos, dende o día 15 de xuño e ata o 6 de xullo nos teléfonos 988471900 e 988472056 ou na Casa da Cultura de Ribadavia. Os abonos permiten obter o desconto para un espectáculo, pois a totalidade para todos os espectáculos sería de 69€ e o abono da MIT 2018 para todos os espectáculos custa 62€ por persoa. As entradas individuais,7€ e 5€ con desconto e os espectáculos de inauguración e clausura, 10€ e 8€ con desconto.
Toda a información en: www.mitribadavia.gal
Tamén nas redes sociais da MIT:
@MITRibadavia
Facebook // Twitter // Instagram
email: info@mitribadavia.com
direccion@mitribadavia.com