Compañía: Luz Arcas / La Phármaco

Tierras raras

Día: venres 25 de xulloHora: 23:00 h.Lugar: Auditorio “Rubén García” do CasteloDuración: 75 minutos

SOBRE O ESPECTÁCULO

Tierras raras asemella unha maneira fermosa de nomear o noso mundo sinistro. Un xeito de cargar de misterio, fábula, mesmo mitoloxía, aquilo que podería verse só como catástrofe. En realidade, é un exercicio poético, a maxia de nomear dun químico ruso que agrupou uns minerais estraños e os introduciu na táboa periódica cando aínda o tempo se medía en séculos, sen imaxinar que eses minerais serían o alimento principal da industria tecnolóxica do seu futuro e do noso presente, e que as palabras escollidas ían sintetizar, a modo de conxuro ou exorcismo, toda unha época. Tierras raras.

A beleza sobrevive, coa súa fraxilidade intacta, á destrución. Como o fungo de Anna Tsing, ou os animais salvaxes de Chernóbil, ou a luz gratuíta que podería iluminar toda a Cidade de México grazas aos gases que emite o lixo soterrado no vertedoiro do Bordo Poniente.

Se escavamos na terra, coas unllas, con máquinas perforadoras e escobillas especializadas, só atoparemos lixo, excrementos do mundo, pegadas escatolóxicas da historia: lixo doméstico, residuos mineiros, ferramentas prehistóricas e ordenadores obsoletos, fragmentos de corpos, entullos de templos destruídos nas guerras, iconas sacrificadas por inimigos espirituais.

Tierras raras é unha imaxe, un golpe de vista desa condensación do tempo. O baile da cortiza terrestre, a danza do subsolo, do que se descompón e alimenta o mundo. O baile desa violencia orixinal.