Compañía: Patricia Portela
Obradoiro "Os Passadores"
Día: mércores 23 de xulloHora: 20:00 h.Lugar: Rúa, San Paio
DETALLES SOBRE O OBRADOIRO
Patrícia Portela é unha directora de escena e autora portuguesa que en 2025/26 ten previsto desenvolver un proxecto multidisciplinar e transfronteirizo entre o norte de Portugal e Galicia, titulado “Os Passadores”, un espectáculo de rúa con características radiofónicas que pretende abordar as cuestións de nacionalidade e emigración actuais a partir da recollida de testemuños sobre prácticas de contrabando entre o período da Guerra Civil española (1936-1939) e o período que precede á Revolución do 25 de abril de 1974 en Portugal, contadas a través de historias reais de passadores, exiliados e fuxitivos políticos de ambos os países.
O obxectivo é formar un equipo de actores portugueses e galegos, e construír unha camiñada-performance entre o norte de Portugal e Galicia mentres se contan as aventuras e desventuras daqueles que buscaron —e aínda buscan— liberdade, traballo e dignidade fóra do seu país.
Nesta primeira fase, Patrícia Portela busca persoas de calquera ámbito interesadas en explorar este tema dun xeito performativo; persoas cunha historia persoal vencellada aos passadores, exiliados políticos, emigrantes que cruzaron a fronteira a salto, ou contrabandistas (actuais ou do pasado); performers e músicos interesados no teatro radiofónico e nos efectos especiais sonoros; músicos de coros tradicionais da rexión; e contadores/as de historias de calquera idade.
Durante a súa estadía en Ribadavia, Patrícia Portela dividirá a súa investigación en dúas fases:
-
Unha primeira parte de encontro con axentes locais e residentes que poidan contar e compartir historias de passadores, fronteiras e de emigración/inmigración.
-
Unha segunda parte de obradoiro con profesionais e afeccionados sobre a construción de historias que fundan imaxinación e realidade, pasado e desexo de futuro; construción de paisaxes e efectos sonoros radiofónicos. Este obradoiro incluirá tamén diversos exercicios que implican contar, andar, camiñar e construír paisaxes sonoras.
-
Ao remate do obradoiro e da residencia, faremos unha presentación informal que consistirá nunha camiñada/presentación performativa en galego e portugués.