Compañía: Colectivo A Volátil

Laboratorio Pan, nubes e chocolate

Día:
  • Sábado 19/07/2025, de 16:00 a 19:00h
  • Luns, 21/07/2025, de 16:00 a 19:00h
  • Martes 22/07/2025, de 16:00 a 19:00h
  • Mércores 23/07/2025, de 19:00 a 22:00h. (Incluída Mostra Aberta do proceso ás 21h)
 Lugar: Museo Etnolóxico de Ribadavia. (Rúa Santiago, 16, 32400 Ribadavia, Ourense)

SOBRE O PROXECTO

No marco da súa estadía na MIT 2025, o colectivo A Volátil, desenvolverá un curso de Teatro Comunitario, aberto a todas as veciñas e veciños de Ribadavia e a súa contorna. 

Un curso intensivo, onde recuperarar memorias esquecidas, voces silenciadas e emocións compartidas para transformalas nun laboratorio único. Historias que nunca se contaron en voz alta. Memorias que quedaron gardadas detrás dunha porta, nun vello álbum ou no fondo dun peto. 

A través do teatro comunitario, A Volátil convida a crear, compartir e subir ao escenario cun equipo artístico que realiza un proceso de acompañamento en todo o proceso. Irene Moreira, directora de escena doutorada en teatro comunitario pola UVigo; Rosa Romero, actriz e creadora; e Álex Sobrino, actor e creador multidisciplinar, presentan unha nova maneira de facer teatro, onde investigación e desenvolvemento coas comunidades e coas súas historias, fundamentan a creación.

O seu obxectivo principal é organizar artísticamente material inédito que se atopa invisibilizado polo tipo de sociedade na que vivimos, onde a présa, o éxito e a xerarquía ocupan todo o espazo. Por iso, buscan traballar un tempo e un espazo onde a escoita atenta, as historias e a horizontalidade no proceso proporcionen novos mecanismos de organización social.

O laboratorio rematará cunha presentación escénica aberta ao público dos materiais traballados coas persoas particpantes e rescatados da memoria durante todo o proceso.

 

INSCRICIÓNS E PERSOAS DESTINATARIAS

Destinado a: Veciñanza de Ribadavia e xeografías limítrofes. Non importa a idade nin a experiencia previa, só as ganas de participar e contar.

Capacidade: 10 prazas (4 de reserva)

Prezo: Gratuito

Inscrición enviando un correo a: colectivolavolatil@gmail.com

                                                info@mitribadavia.gal

COLECTIVO A VOLÁTIL

O Colectivo teatral galego-andaluz A Volátil está integrado por Álex Sobrino, Rosa Romero e Irene Moreira.

Irene, Rosa e Álex, nas súas traxectorias individuais sempre evitaron os grandes centros, son de vila, de periferia, de arrabaldo e con este novo formato de produción debuxan un novo paralelo que une Galiza con Andalucía, o norte co sur, dúas periferias que colisionan formando un novo espazo artístico: a volátil.

https://www.colectivolavolatil.com/

Álex Sobrino

Actor, fotógrafo, iluminador e videógrafo. Álex Sobrino é creador multidisciplinar especializado no eido teatral, licenciado pola ESAD de Galicia e formado en iluminación e captación de imaxe.O seu traballo permite recoller momentos significativos durante os obradoiros, ofrecendo á comunidade a posibilidade de conservar a memoria do proceso. Ademais, encárgase do deseño de iluminación e do soporte técnico necesario para garantir unha exhibición final de calidade.

Rosa Romero Fontao

Actriz e creadora gaditana que nos seus inicios traballou en compañías como Bajotierra, La Mordiente ou o festival de escena alternativa “El quirófano”, coas que comparte o interese pola creación e a experimentación escénica. No 2014 inicia o camiño cara á creación persoal, poñendo o foco no corpo, na recuperación do baile herdado e na comunicación bruta co público. No 2018 estrea o seu primeiro solo, Esta no es la vida privada de Rosa Romero. No 2020 é seleccionada como residente en La Caldera (Barcelona) con DEBUT, peza que estrea en xaneiro de 2021. Soy un baile, estreada en setembro de 2023, traballo co que recibe os premios á mellor intérprete e mellor espectáculo revelación 2023 da Asociación Andaluza de Profesionais da Danza. 

Na actualidade reside en Sevilla, onde ten traballado en proxectos como Pelo de trol con Silvia Balvín ou Estación espacial, xunto a Alberto Cortés e Álex Peña, producida por Teatro de la Abadía para o ciclo Teatro confinado (2020). La escuela del sur é un dos seus últimos proxectos, creado e dirixido xunto a Alberto Cortés, en colaboración co FIT e a Fundación Siemens. Un espazo de encontro para artistas escénicos contemporáneos da provincia de Cádiz. 

Irene Moreira

Directora de escena e investigadora é unha das principais expertas en teatro comunitario a nivel europeo. Doutora cum laude pola Universidade de Vigo coa súa tese sobre teatro comunitario, a súa carreira está centrada no desenvolvemento de procesos de creación colectiva en diferentes países, sempre con especial atención ás persoas e colectivos que máis difícil teñen o acceso á cultura e á expresión artística. Con máis de dúas décadas de experiencia dirixindo proxectos en contextos sociais moi diversos, Irene na súa metodoloxía, integra ferramentas teatrais, dinámicas de grupo e procesos de escoita activa, conseguindo que emerxan historias persoais e colectivas cargadas de significado.