ROLDA DE PRENSA – PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DA MIT 2019

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia prepara unha presentación especial para dar a coñecer o programa do 35 aniversario do festival.

O xoves día 21 de xuño, ás 12h, no Salón de Actos do Centro Cultural Marcos Valcárcel (Rúa do Progreso, 30, 32003, Ourense) terá lugar a rolda de prensa de presentación de todo o programa, coas distintas autoridades representantes das Administracións públicas implicadas no histórico festival, a capital do teatro galego.

O venres día 22 de xuño, na Casa da Cultura de Ribadavia, un acto aberto a toda a veciñanza de Ribadavia ofertará a oportunidade de coñecer de primeira man os detalles do programa, artistas, foros, obradoiros e liñas mestras do deseño programático desta edición de 2019 da MIT nun encontro co Director da MIT e por outro lado, asistir a un espectáculo de teatro documento, aspecto destacado da presente edición do festival. O acto será ás 21h e o espectáculo (Invisibles, de Redrum Teatro) ás 22h. Con este acto, a MIT quere volver destacar a importancia do público e do servizo á veciñanza dende a base, o seu compromiso coa implicación da comunidade local para facer medrar un festival internacional.

Invisibles é un espectáculo de creación colectiva a partir da novela homónima de Montse Fajardo, que presenta ante o público diversas historias cun fío común entre elas: a violencia de xénero. O seu interese reside na exposición de historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias sobre malos tratos, algunhas delas xa coñecidas polo público pola súa repercusión mediática. A pretensión fundamental deste espectáculo é concienciar e sensibilizar ás espectadoras e aos espectadores con esta lacra que invade a sociedade.

A súa representación neste acto previo á MIT, que terá lugar do 18 ao 27 de xullo de 2019, non sería posible sen a axuda e a colaboración doutros departamentos do Concello de Ribadavia, como é a Área de Servizos Sociais. Todas e todos implicados na arte, na loita contra a violencia machista e no progreso social e cultural. Todas coa MIT, a celebrar o teatro, a igualdade e os servizos públicos. Toda a veciñanza está convidada a estes actos abertos que pretenden divulgar a actividade cultural dun xeito amplo e fomentar a participación, así como garantir o dereito de acceso á cultura escénica dun xeito atractivo.