O Concello de Ribadavia, a través da MIT-Mostra Internacional de Teatro, vén de aprobar as bases do Premio Abrente de Textos Teatrais 2026, cita indispensable da creación dramatúrxica en galego que este ano chega a súa 21ª edición, consolidándose como un dos principais certames de creación teatral do país.

Este premio conta cunha dotación económica de 4.000€ e a edición do texto gañador. Conectado coa memoria e o recoñecemento do pulo cultural da Agrupación Cultural Abrente de Ribadavia e impulsado pola MIT como apoio e fomento da creación galega en diálogo coas relacións internacionais que promove a Mostra, entendida coma un servizo público para a sociedade galega do presente.

O Premio Abrente ao longo das súas edicións, serviu de apoio e voceiro a numerosas dramaturgas e dramaturgos con moi diversa traxectoria e experiencia, dende valores emerxentes a figuras xa consolidadas. Así dende a súa primeira edición no ano 2006 deixaron a súa pegada neste premio: Roberto Salgueiro, Antonio Yáñez Casal, Carlos Losada, Manuel Lourenzo, Vanesa Sotelo, Fran Godón, Fernando Epelde, Esther Carrodeguas, Ernesto Is e Xandra Táboas, Roi Vidal, Avelina Pérez, José Luis Baños de Cos, Marcos Abalde, Ernesto Is, Ana Abad de Larriva, Nerea Brey, Alberto Ramos e Isa Fernández.

DESCARGA AQUÍ AS BASES DA XX CONVOCATORIA PREMIO ABRENTE →