Compañía: Colectivo La Volátil
Pan, nubes y chocolate
Sinopse
Pan, nubes e chocolate é o primeiro proxecto escénico de A Volátil, colectivo teatral galego-andaluz integrado polas creadoras Rosa Romero, Álex Sobrino e Irene Moreira, que se presentan por primeira vez como formación escénica na MIT de Ribadavia 2025.
Esta Mostra Aberta ao público é a presentación escénica do curso-laboratorio de Teatro Comunitario desenvolto durante varios días de estadía de investigación na MIT. Historias que nunca se contaron en voz alta. Memorias que quedaron gardadas detrás dunha porta, nun vello álbum ou no fondo dun peto. Pan, nubes e chocolate é un laboratorio único, creado por e para a xente de Ribadavia, onde as voces da vila se xuntan para compartir o que somos a través do que fomos. Unha proposta que vai ao encontro de historias que falen de encerros, de persoas apartadas, de tapias de muros e que nos axude a repensar o futuro traendo da memoria eses feitos ao presente.
Unha proposta nacida dun proceso de escoita e creación, onde persoas moi distintas poñen corpo e palabra ás súas vivencias e ás doutras que resoan na memoria común. Risas, silencios, feridas e celebracións entréganse ao público como un espello onde recoñecernos. Non é só teatro. É comunidade en escena. É unha celebración do cotiá. É unha chamada a lembrar que todas temos algo que contar, porque sabemos quen somos a través das demais.
Ficha artística:
Pan, nubes e chocolate.
Un laboratorio comunitario na MIT de Ribadavia
Coas historias soterradas da veciñanza de Ribadavia
Colectivo A Volátil
Dirección: Irene Moreira
Intérpretes: Participantes do curso de teatro comunitario, Rosa Romero e Álex Sobrino
Duración do espectáculo: Variable, entre 40’ e 60’
A Volátil
O colectivo A Volátil (Álex Sobrino, Rosa Romero e Irene Moreira) é un colectivo de recente formación. O seu método de creación fundaméntase en visibilizar historias silenciadas e colocalas no centro da acción dramatúrxica na súas propostas. A metodoloxía combina técnicas do teatro comunitario, social e a mediación artística. A través da intervención teatral e a relación co público e participantes conecta ás persoas co territorio e tece un vínculo entre elas, facilitando un sentido de comunidade máis xusto, amábel e sostíbel. www.colectivolavolatil.com
Álex Sobrino
Actor, fotógrafo, iluminador e videógrafo. Álex Sobrino é creador multidisciplinar especializado no eido teatral, licenciado pola ESAD de Galicia e formado en iluminación e captación de imaxe. Fotógrafo gañador de premios como “Agua de Mondariz por el mundo” ou o “Premio EAV” co gallo do día da Muller Traballadora. Xerente da Sala Ingrávida e socio fundador da cía Xerpo.
Rosa Romero Fontao
Actriz e creadora gaditana que no 2014 inicia o camiño cara á creación persoal, poñendo o foco no corpo, na recuperación do baile herdado e na comunicación bruta co público. No 2018 estrea o seu primeiro solo, Esta no es la vida privada de Rosa Romero. No 2020 é seleccionada como residente en La Caldera (Barcelona) con DEBUT, peza que estrea en xaneiro de 2021. Soy un baile, estreada en setembro de 2023, traballo co que recibe os premios á mellor intérprete e mellor espectáculo revelación 2023 da Asociación Andaluza de Profesionais da Danza.
Irene Moreira
Directora de escena e investigadora é unha das principais expertas en teatro comunitario a nivel europeo. Doutora cum laude pola Universidade de Vigo coa súa tese sobre teatro comunitario, a súa carreira está centrada no desenvolvemento de procesos de creación colectiva en diferentes países. Con máis de dúas décadas de experiencia dirixindo proxectos en contextos sociais moi diversos, Irene na súa metodoloxía, integra ferramentas teatrais, dinámicas de grupo e procesos de escoita activa, conseguindo que emerxan historias persoais e colectivas cargadas de significado.
.