Compañía: Colectivo La Volátil

Pan, nubes y chocolate

Día: mércores 23 de xulloHora: 21:00 h.Lugar: Museo Etnolóxico

SOBRE O PROXECTO

Laboratorio de Teatro Comunitario. 

A través do teatro comunitario, convidámoste a crear, compartir e subir ao escenario cun equipo artístico que che acompañará en todo o proceso. Irene Moreira, directora de escena doutorada en teatro comunitario pola UVigo; Rosa Romero, actriz e creadora; e Álex Sobrino, actor e creador multidisciplinar, presentan unha nova maneira de facer teatro, onde investigación e desenvolvemento coas comunidades e coas súas historias, fundamentan a creación.

Un curso intensivo, aberto á veciñanza onde recuperaremos memorias esquecidas, voces silenciadas e emocións compartidas para transformalas nun laboratorio único dentro da MIT 2025. Historias que nunca se contaron en voz alta. Memorias que quedaron gardadas detrás dunha porta, nun vello álbum ou no fondo dun peto. “Pan, nubes e chocolate” é un laboratorio único, creado por e para a xente de Ribadavia, onde as voces da vila se xuntan para compartir o que somos a través do que fomos.

Unha proposta nacida dun proceso de escoita e creación, onde persoas moi distintas poñen corpo e palabra ás súas vivencias e ás doutras que resoan na memoria común. Risas, silencios, feridas e celebracións entréganse ao público como un espello onde recoñecernos. Non é só teatro. É comunidade en escena. É unha celebración do cotiá. É unha chamada a lembrar que todas temos algo que contar, porque sabemos quen somos a través das demais.