Compañía: Patricia Portela
Os Passadores
Mostra aberta de Patricia Portela na MIT, en colaboración co Centro Dramático Galego
SINOPSE
Patrícia Portela é unha directora de escena e autora portuguesa que en 2025/26 ten previsto desenvolver un proxecto multidisciplinar e transfronteirizo entre o norte de Portugal e Galicia titulado “Os Passadores”, un espectáculo de rúa con características radiofónicas que pretende abordar as cuestións da nacionalidade e da emigración actuais a partir da recollida de testemuños sobre prácticas de contrabando entre o período da Guerra Civil española (1936 a 1939) e o período previo á Revolución do 25 de abril de 1974 en Portugal, contadas a partir de historias reais de pasadores, exiliados e fuxitivos políticos de ambos os países.
Esta mostra aberta é a presentación informal resultante da residencia e obradoiro participativo que Patrícia Portela estará desenvolvendo en días previos na MIT de Ribadavia. E que consistirá nunha camiñada/presentación performativa en galego e portugués.
Información e inscricións ao obradoiro aquí.
SOBRE O PROXECTO
Entre o 16 e o 24 de xullo, Patrícia Portela estará desenvolvendo una residencia artística na MIT, en colaboración co Centro Dramático Galego, para traballar no seu proxecto escénico “Os Passadores”.
O obxectivo é formar un equipo de actores portugueses e galegos, e construír unha camiñada-performance entre o norte de Portugal e Galicia mentres se narran as aventuras e desventuras daqueles que procuraron —e aínda procuran— liberdade, traballo e dignidade fóra do seu país.
Nesta primeira fase, Patrícia Portela procura persoas de calquera ámbito interesadas en explorar este tema de forma performativa; persoas cunha historia persoal ligada aos pasadores, exiliados políticos, emigrantes que cruzaron a fronteira a salto, ou contrabandistas (actuais ou pasados); performers e músicos interesados no teatro radiofónico e nos efectos especiais sonoros; músicos de coros tradicionais da zona; contadores de historias de calquera idade.
Durante a súa estadía en Ribadavia, Patrícia Portela dividirá a súa investigación en dúas fases:
- Unha primeira parte de estadía de investigación e encontros con axentes locais e residentes que poidan contar e compartir historias de pasadores, de fronteiras e de emigración/inmigración.
- Unha segunda parte de obradoiro con profesionais e afeccionados sobre a construción de historias que fundan imaxinación e realidade, pasado e desexo futuro; construción de paisaxes e efectos sonoros radiofónicos. Este obradoiro incluirá tamén diversos exercicios que implican contar, andar, camiñar e construír paisaxes sonoras.
PATRÍCIA PORTELA
Patrícia Portela (1974) é autora de performances e obras literarias, con mestrados en escenografía (Universidade de Utrecht) e filosofía contemporánea (Instituto Internacional de Filosofía de Leuven). Estudou tamén cinema e danza contemporánea, e viviu en diversas cidades como Berlín, Amberes, Viseu ou Lisboa.
Recoñecida pola singularidade da súa obra, foi premiada polo Premio Madalena Azeredo de Perdigão/FCG (Flatland I) e polo Teatro na Década (T5). Foi finalista do Premio Multimedia Sonae/MNACC (Parasomnia), do Premio APE de Romance (Banquete), e dos premios Correntes d’Escritas e Ciranda 2022 (Hífen).
Publicou varias novelas, foi cronista do JL e da Antena 1, e fundou Cem Dramaturgias. Dirixiu o PACAP do Forum Dança, e dá clases en centros artísticos. Foi directora do Teatro Viriato durante a pandemia e da Rua das Gaivotas 6 en 2023-24. No 2024 estreou Mercado das Madrugadas e Homens Hediondos en importantes teatros portugueses.