Compañía: Jérôme Bel ( x María Roja)
Jérôme Bel ( x María Roja)
SINOPSE
Nesta obra, que o coreógrafo francés Jérôme Bel define como “auto-bio-coreo-gráfica”, relata por primeira vez a súa propia historia, compartindo as súas dúbidas, compromisos, fracasos e paixóns. Por motivos ecolóxicos, a peza é interpretada sempre por unha actriz ou un actor local, na lingua do país onde se presenta. Nesta ocasión, a actriz galega María Roja encarna a Jérôme Bel, esvaecendo as fronteiras entre arte e interpretación, entre performance e arquivo.
Combinando documentación audiovisual de danza, monólogo e recreación en directo, esta proposta inesperada é ao mesmo tempo un percorrido por unha obra xa histórica e un constante exercicio de reinvención.
FICHA TÉCNICA
- Texto e vídeos: Jérôme Bel
- Asistente : Maxime Kurvers
- Interpretación: María Roja
- Imaxes : Herman Sorgeloos, Marie-Hélène Rebois, Aldo Lee, Pierre Dupouey, Olivier Lemaire, Chloé Mossessian
- Produción dos vídeos : CND Centre national de la danse, R.B. Jérôme Bel, Paris National Opera/Telmondis en asociación con France 2 coa participación de Mezzo e do Centre national de la cinématographie, Theater Hora, French Institute Alliance Française – FIAF
- Produción da performance: R. B. Jérôme Bel (Rebecca Lasselin e Sandro Grando)
- Produción da versión en galego, interpretada por María Roja: Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia
- Coprodución: La Ménagerie de Verre (París), La Commune, Centro Dramático Nacional de Aubervilliers, Festival de Outono de París e R. B. Jérôme Bel (París).
- A escritura do texto desta performance forma parte do proceso creativo de Sustainable Theatre, concibido por Katie Mitchell, Jérôme Bel e Teatro Vidy-Lausanne, e coproducido por STaAGES.
A COMPAÑÍA
Jérôme Bel é unha das figuras máis influentes da danza contemporánea europea. Desde os anos noventa desenvolve unha traxectoria marcada pola investigación crítica sobre os códigos da representación escénica, reducindo a danza aos seus elementos esenciais para cuestionar as convencións do espectáculo e a relación entre corpo, escena e público.
O seu traballo evolucionou posteriormente cara á exploración da biografía e da singularidade das persoas intérpretes, dando lugar a pezas emblemáticas como Véronique Doisneau, Cédric Andrieux, Isadora Duncan, Disabled Theater ou Gala. A través delas, sitúa no centro a palabra, a experiencia individual e a diversidade de corpos e traxectorias.
Desde 2019 desenvolve os seus proxectos baixo criterios de sustentabilidade ecolóxica, evitando os desprazamentos en avión. As súas obras foron presentadas en institucións internacionais como a Tate Modern, o MoMA, a Documenta ou o Louvre, e recibiron numerosos recoñecementos, entre eles o Premio Bessie e o Taishin Performing Arts Award.
María Roja (Lugo, 1982) é actriz, performer e artista visual. O seu traballo explora o corpo como espazo íntimo, social e político, cun especial interese polos procesos de transmisión do coñecemento e polo potencial subversivo da creación artística. Exhibiu pezas e accións en galerías, museos, teatros e festivais nacionais e internacionais. Cofundadora dos colectivos áIntemperie, Ohn e Blanco&Roja, forma parte tamén de Límites e Cintaadhesiva. Como intérprete traballou con compañías como Matarile, Centro Dramático Galego ou Contraproducións, e participou en diversas producións audiovisuais. É licenciada en Belas Artes, titulada en Arte Dramática e gañadora de tres Premios María Casares á Mellor Actriz.



