Compañía: CHÉVERE
Conversa arredor de A derradeira leición
Un proceso de traballo do grupo Chévere aberto á participación
Día: luns 21 de xullo.
Hora: 13:00 h.
Lugar: Praza de Abastos
SINOPSE
A derradeira leición do mestre: como se constrúen as narrativas da memoria?
O grupo Chévere convídanos a abrir unha conversa arredor do cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre”, que lle serve á compañía como detonante para crear unha nova obra de teatro que se estreará en Compostela en febreiro do 2026.
Unha reprodución do cadro de Castelao permanecerá na Praza de Abastos de Ribadavia entre o día 17 e o día 26 de xullo, xunto a un cuestionario que Chévere nos anima a responder para participar do proceso de investigación desta nova creación.
O luns 21 de xullo ás 13:00 h. na Praza de Abastos, haberá un parladoiro arredor do cadro e do seu significado simbólico para Galicia e sobre o proceso de creación desta obra.
SOBRE O PROXECTO
O grupo Chévere iniciou en 2024 o proceso de investigación e documentación para desenvolver un novo proxecto de creación escénica, que toma como punto de partida o cadro de Castelao titulado “A derradeira leición do mestre” para explorar a construción das narrativas da memoria.
Para traballar a performatividade da investigación sobre o valor simbólico que se lle atribúe ao cadro de Castelao fixemos unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Isto servirá para abrir e transparentar o proceso de creación da obra ao mesmo tempo que se amplía a conversa arredor do cadro e da memoria conflitiva que representa.
A idea é animar ao público da MIT e á veciñanza de Ribadavia a participar e intervir nesta conversa aberta co cadro de Castelao para tirar dos moitos fíos que se cruzan nel. Aí está o testemuño directo sobre a memoria conflitiva do golpe de estado de 1936 e a represión franquista en Galicia. Aí está a homenaxe e mitificación como mártir galeguista de Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36, membro dunha brillante xeración truncada pola ditadura. Aí está o propio Castelao en pleno proceso de mitificación na Galicia desterrada. Pero aí está tamén a arte como denuncia. A arte como ferramenta da memoria colectiva. Aí está o debate sobre se o cadro debe permanecer na Arxentina como parte da memoria emigrada e exiliada da Galicia Ideal ou debe estar na Galicia territorial. Aí está o uso do cadro para disputar o legado patriótico de Castelao ou para reconstruír a narrativa dunha memoria colectiva que segue en conflito noventa anos despois do golpe de estado. E aí está un grupo de teatro que quere tirar de todos eses fíos para explorar en escena o que pasa cando un trauma afecta a nosa memoria individual e o que pasa cando afecta a nosa memoria colectiva.
SOBRE O GRUPO CHÉVERE
Chévere é unha compañía de axitación teatral con 38 anos de traballo ao lombo, que soubo manter unha proposta de creación propia e un sólido posicionamiento social, político e cultural. En 2014 Chévere recibiu o Premio Nacional de Teatro polo seu compromiso e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade. Chévere conserva un núcleo creativo estable (Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira) e mantén unha ampla rede de colaboradores.
Usando o humor como filosofía e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no escenario os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escénicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. Exemplos deste modus operandi son obras como: Helen Keller, a muller marabilla? (2024), unha obra bilingüe en lingua de signos e lingua oral; N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), sobre a catástrofe ecolóxica do Prestige; Curva España (2019), que trata o mito nacional español coma se fose un true crime ferroviario; Eroski Paraíso (2016), sobre os efectos da globalización nun pequeno lugar da costa galega; As Fillas Bravas (2014), unha reivindicación da cultura oral e a vida de aldea; Ultranoite no País dos Ananos (2014), un axuste de contas coa Galicia Única de Manuel Fraga; Eurozone (2013), sátira sobre a crise financeira de 2008 entendida como un atraco tarantiniano; a triloxía Citizen (2010-2011), un biopic non autorizado de Amancio Ortega e o “milagre Zara” ou Testosterona (2009), sobre as disidencias de xénero.