Obradoiro coa directora de escena autora portuguesa Patricia Portela, en colaboración co CDG Centro Dramático Galego.

Datas e lugar

Sábado 19/07/2025, de 16h a 19h – 1ª sesión obradoiro- Club Artístico de Ribadavia.
Luns 21/07/2025, de 16h a 19h – 2ª sesión obradoiro- Club Artístico de Ribadavia.
Mércores 23/07/2025, 20h – Mostra aberta do proceso – Sampaio

Sobre o proxecto

No marco da súa residencia artística durante a MIT, a directora e autora portuguesa Patrícia Portela convida persoas de todas as idades e procedencias a participar nun obradoiro creativo centrado na construción de narrativas sonoras e performativas.

Este curso forma parte do proceso de creación de Os Passadores, un proxecto artístico transfronteirizo entre o norte de Portugal e Galicia que culminará nun espectáculo de rúa con características radiofónicas. O proxecto parte de historias reais de contrabando, exilio e emigración que tiveron lugar entre a Guerra Civil española e a Revolución dos Cravos en Portugal. A través destas historias, Portela propón reflexionar sobre a idea de fronteira, identidade e liberdade, conectando pasado e presente.
Durante varios días, desenvolverase un obradoiro dividido en dous turnos de 3 horas, estruturado en tres fases principais:

3. Recollida e intercambio de historias
Os participantes achegarán relatos propios ou coñecidos sobre contrabando, emigración, pasadores ou fuxidas. Tamén se incorporarán testemuños recollidos previamente por Portela en Ribadavia e Miranda do Douro.

2. Escrita colectiva e creación dramatúrxica
A partir do material reunido, traballarase na escrita e reescrita de historias que mesturen realidade e ficción, memoria e desexo. Buscarase un punto común entre os relatos que dea lugar a unha narrativa compartida.

3. Exploración sonora e presentación radiofónica
Atopar unha forma sonora e radiofónica de contalas e preparar a súa presentación.
A metodoloxía empregada baséase na presentación e compartición de exercicios de escrita automática, organización dramatúrxica e composición a partir de fragmentos de escrita dos participantes, así como de entrevistas e documentos recollidos; técnicas de improvisación e construción sonora dramatúrxica baseadas nas técnicas dos foley artists e do teatro radiofónico.

O obradoiro culminará nunha presentación performativa informal, en formato de camiñada narrativa en galego e portugués, compartindo co público os materiais creados.


Inscricións e persoas destinatarias

Destinado a:
Persoas de todas as idades interesadas no tema, con historias relacionadas con el, interesadas no teatro radiofónico, na escrita dramatúrxica e na composición sonora dun texto.

Prazo de inscrición:
do 19/06/2025 ao 12/07/2025

Prezo:
Gratuito
Inscrición enviando un correo a: info@mitribadavia.gal.

Patrícia Portela

Patrícia Portela (1974) é autora de performances e obras literarias, con mestrados en escenografía (Universidade de Utrecht) e filosofía contemporánea (Instituto Internacional de Filosofía de Leuven). Estudou tamén cinema e danza contemporánea, e viviu en diversas cidades como Berlín, Amberes, Viseu ou Lisboa.
Recoñecida pola singularidade da súa obra, foi premiada polo Premio Madalena Azeredo de Perdigão/FCG (Flatland I) e polo Teatro na Década (T5). Foi finalista do Premio Multimedia Sonae/MNACC (Parasomnia), do Premio APE de Romance (Banquete), e dos premios Correntes d’Escritas e Ciranda 2022 (Hífen).
Publicou varias novelas, foi cronista do JL e da Antena 1, e fundou Cem Dramaturgias. Dirixiu o PACAP do Forum Dança, e dá clases en centros artísticos. Foi directora do Teatro Viriato durante a pandemia e da Rua das Gaivotas 6 en 2023-24. En 2024 estreou Mercado das Madrugadas e Homens Hediondos en importantes teatros portugueses.

patriciaportela.pt