A autora leonesa afincada en Arzúa recolleu o pasado 24 de xullo na MIT o galardón nunha xornada na que tamén se celebraron os 20 anos do galardón, coa presenza de autoras e autores premiados en anteriores edicións.
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) viviu unha xornada especialmente intensa no 24 de xullo de 2025, marcada pola entrega do 20º Premio Abrente de Textos Teatrais, que este ano recaeu por unanimidade no texto O miradoiro, da autora leonesa Isabel Fernández González (La Valduerna, León, 1993). O xurado, formado por Ana Romaní, Arantza Villar e Sara Rey, destacou da obra premiada “a profundización dos personaxes e a intelixencia dos diálogos como espello das relacións humanas actuais”.

A peza presenta unha conversa íntima entre dúas persoas que reflexionan sobre a súa relación e os seus desencontros, un diálogo que se expande cara a un espazo máis amplo e metafórico, como retrato dunha sociedade cada vez máis individualista. Para o xurado, o texto “salta habilmente do persoal ao colectivo, nun cruce de xuízos críticos que aborda temas de actualidade dende o contraste de posicións, deixando entrever as dificultades de activar a empatía e recordando a importancia da escoita para a vida en comunidade”.
A propia autora, que recolleu o premio na Igrexa da Madalena, define a súa traxectoria e a súa relación co teatro cun ton literario que reflicte a riqueza da súa voz artística:
“Son orixinaria dunha pequena aldea leonesa, desas que no verán se enchen de trigo seco e no inverno conxelan o alento. Medrei ao quente do braseiro, escoitando á miña avoa contar historias doutros tempos e xogando a contalas no grupo de teatro da escola rural. Para min, o teatro é encontro”.
“Escribo dende que teño memoria. Poesía, teatro, ensaio e, sobre todo, textos sen xénero. Un bo potaxe, que diría a miña avoa. Sempre buscando o xeito de diluír os límites, gústame tanto ler a Becket como bailar unha boa bachata na verbena. Por iso valoro tanto os proxectos culturais que conectan o teatro e as artes vivas coas vivencias da xente de a pé”.


Instalada en Galicia desde hai oito anos, conta que chegou a un recuncho arzuán onde aprendeu o galego das veciñas e se reencontrou co teatro da man da Gentalha do Pichel e da Escola Espazo Aberto. Actualmente forma parte da compañía ALOMAIS Teatro, creada este mesmo ano, que está a piques de estrear a súa primeira montaxe. Cun sacho como símbolo, a autora e o seu equipo entenden o teatro como “o humilde oficio de sachar o espazo para que a vida poida agromar”
