A MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presenta o cartaz deste ano 2025, asinado pola ilustradora Montse Piñeiro, e avanza os primeiros nomes e actividades para esta 41ª edición. 

 

A nova imaxe da Mostra Internacional de Teatro inspírase nalgúns elementos propios da esencia do festival e do seu contexto, Ribadavia: a pedra granítica e a vexetación silvestre únense a personaxes e figuras que recordan unha montaxe teatral. Así, a estética minimalista dos elementos gráficos centrais contrasta co dinamismo das personaxes de fondo e da composición tipográfica. Unha combinación orixinal, reforzada pola escolla de cores vivas, que conceptualmente se inspira nas ideas de resistencia e esforzo que sosteñen o oficio teatral.

A creadora galega Montse Piñeiro (ilustradora, ceramista e deseñadora, vinculada tamén ás artes escénicas) foi a encargada do deseño desta imaxe, que desenvolveu en diálogo coa nova dirección artística da MIT, formada por Sabela Mendoza e Gena Baamonde:

“Queríamos xogar con elementos vivos á vez que vistosos e pensamos que a pedra podía ser unha idea potente da que partir, porque por unha banda se relaciona directamente co patrimonio de Ribadavia, as arquitecturas nas que ten lugar o festival; e por outra banda nos conecta tamén coa idea da resistencia, daquilo que resiste e perdura, como é para nós o teatro e o oficio teatral. A vexetación marcada na pedra ten algo de pegada, de fósil, que tamén nos resultou moi suxerente, poético. Dalgún modo nos recorda a esas plantas e flores que crecen nas grietas das pedras, o extraordinario que sae nas fendas, nas marxes. Ademais, nun segundo plano aparecen as figuras de fondo, q personaxes acompañadas de escaleiras e andamios que parecen estar cargando e movendo as pedras de sitio. Elas nos levan a esa idea de esforzo que hai sempre detrás da posta en escena, e dalgún modo a todo ese traballo invisible que sostén a cultura da que desfrutamos.”

A dirección artística presenta tamén os primeiros nomes e actividades da 41ª edición, marcada polo relevo neste cargo, que pasa por primeira vez ás mans dun equipo femenino formado por Sabela Mendoza como directora e Gena Baamonde como directora adxunta:

Esta 41ª edición da MIT é unha edición de transición. Este ano comezamos a traballar nalgunhas das ideas e liñas curatoriais que nos gustaría traer para o festival, cunha clara aposta pola contemporaneidade e a diversidade, pola mirada feminista, polos formatos híbridos e a dilución das etiquetas. Interésannos a idea da exploración, das creacións indómitas, do compromiso comunitario e das perspectivas que procuran incidir no tempo que vivimos, alimentando o pensamento crítico e aberto sobre as nosas xenealoxías, as cuestións do presente e a imaxinación de futuros. Pero ao mesmo tempo, este ano mantemos a estrutura habitual da Mostra, cos mesmos espazos e a mesma  duración, e algunhas das apostas programáticas que xa se viñan desenvolvendo.

Así, por exemplo, este ano poderán verse varios espectáculos de compañías galegas que contaron con apoios á produción por parte da MIT, como son: Reconversión de Ibuprofeno Teatro, con oito intérpretes en escena, escrito e dirixido por Santiago Cortegoso, é un espectáculo entre o íntimo e o político arredor da reconversión no sector naval na Ría de Vigo; Non Pasarán de Ártika Cía, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey. que trae unha reflexión sobre a cidadnía e o medo aos “outros” a partir da historia du lugar sacudido por unha vaga de incencios provocados; e Profetas de Ítaca Teatro, peza que leva a escena un texto de Ernesto Is gañador do Premio Abrente e que presenta o encontro íntimo dunha parella que xa non o é, baixo a direccción de Carlos Álvarez-Ossorio. Estas pezas poderán verse nos días 23, 20 e 25 de xullo respectivamente. Damos así continuidade á liña de apoios á creación escénica galega que xa viña sendo habitual.

Ademais, como novidade, este ano sumamos o apoio a unha produción estatal, a obra Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, en coprodución con Mercat de les Flors de Barcelona e Ma-scène national Pays de Montbéliard (Francia) e coa complicidade de Teatro Central de Sevilla e MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Unha peza que vén de ser estreada en Madrid o pasado 30 de maio e que terá a súa estrea galega na Mostra. Unha montaxe que reúne baile e cante en directo sobre a corteza terrestre, sobre o exercicio de escarbar e sobre a beleza e a destrucción que se esconde por baixo dela. Sobre o choque entre os tempos xeolóxicos e os ciclos humanos. Unha produción de: Luz Arcas / La Phármaco Co apoio a esta montaxe, buscamos tamén que a MIT abra vínculos como axente activo do ecosistema escénico galego e estatal. A obra poderá verse o día 25 de xullo no Auditorio do Castelo, con seis persoas en escena.

Nesta liña de apoio á creación, renovamos a colaboración coas Residencias Paraíso do colectivo RPM, que traerán á dupla formada pola coreógrafa e bailarina Natalia Fernandes e a artista visual Natalia Azparren co seu proxecto Dormidos y cerrados los ojos bailan que estará en residencia na Igrexa da Madalena e que finalizará cunha mostra aberta ao público.

Pero ademais, reforzamos o espazo de apoio á creación a través doutras residencias artísticas, que poñen o foco nos procesos artísticos comunitarios. Así, acollemos durante varios días a La Volátil, novo colectivo artístico que reúne aos galegos Irene Moreira e Álex Sobrino coa andaluza Rosa Romero, que estarán traballando no seu proxecto Pan, nubes y chocolate a través dun obradoiro participativo e dunha labor de recollida de memorias esquecidas, lugares historias persoais ocultas. Será a primeira vez que se presenta públicamente este colectivo que establece unha ponte interesante entre Galicia e Andalucía. Tamén acollemos en residencia, en colaboración co Centro Dramático Galego, á autora e directora escénica portuguesa Patricia Portela, co seu proxecto Os passadores que pretende abordar cuestións de nacionalidade e emigración na actualidade, a partir da recollida de historias reais sobre exiliados, fuxitivos e pasos de contrabando do periodo entre 1936 e 1975 en España e Portugal. Portela desenvolverá tamén un obradoiro comunitario e un traballo de pesquisa sobre Ribadavia e os lugares de fronteira máis próximos con Portugal. Nas próximas semanas a Mostra abrirá o periodo de inscrición para facer parte destes dous procesos, con La Volátil e con Patricia Portela, que rematarán ambos nunha mostra aberta na xornada do 23 de xullo, coa participación das persoas inscritas. Poñemos así atención nas propostas comunitaria que implican activación de memorias, miradas ao territorio e participación social.

Especial mención merece tamén a celebración dos 20 anos do Premio Abrente de Textos Teatrais, para a que temos previsto un evento especial na tarde do 24 de xullo, coordinado pola actriz e comunicadora cultural Rosa Puga, que consistirá nunha leitura colectiva de fragmentos seleccionados dos textos premiados nestes anos, coa participación de convidadas e convidados especiais, e o anuncio final do Premio deste ano. O evento contará tamén coa colaboración de A todas luces, o podcast cultural da revista Luzes conducido por Lois Branco Araúxo.

Outra das liñas que acompañará a programación de espectáculos será a de formación escénica. Nesta edición acollemos un curso de máscara neutra con Mar Navarro e un curso de clown con Roi Borrallán, ambos en colaboración coa Asociación Galega de Clowns. Ademais, en colaboración coa Asociación Galega de Actores e Actrices, acollemos unha proposta moi especial, El desenterrador de Societat Doctor Alonso, un dispositivo para investigar e afondar na palabra, no seu sentido orixinal e a súa relación co corpo, baixo a dirección de Sofía Asencio e Tomás Aragay. A compañía presentará tamén o seu espectáculo máis recente, Hospital de Campo, unha obra que aborda, dende códigos de humor e ironía, temas relacionados coa enfermidade e a curación, e que poderá verse o sábado 19 de xullo no Auditorio do Castelo.

Entre as compañías internacionais, este ano visitarán a Mostra a compañía portuguesa Circolando, co seu espectáculo híbrido Crátera, que poderá verse o xoves 24 de xullo no Auditorio do Castelo. E a compañía italiana Parini Secondo, co seu exitoso e innovador HIT (out), unha proposta entre coreográfica e performativa sobre a insistencia de saltar e un exercicio de resistencia e ritmo que sorprenderá nas rúas de Ribadavia os días 24 e 25.

A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño.