Ribadavia, 18 de xuño de 2020

A MIT adianta unha das actividades que terán lugar nesta 36ª edición. Un taller gratuíto de catro días cunha das compañías de referencia do teatro galego e con máis proxección internacional.

O programa completo será presentado o xoves día 25 de xuño nun acto aberto, en Ribadavia.

Unha oportunidade única e accesible a todas as persoas interesadas na creación escénica contemporánea e que tamén serve de inicio ao camiño que emprendemos coa coprodución que a MIT levará a cabo con Voadora en 2021, completando así a triloxía arredor de Shakespeare, cunha versión libre de Otelo. A compañía dirixida por Marta Pazos seleccionará a 12 participantes, que deberán seguir os protocolos de hixiene e seguridade establecidos pola organización durante os días de realización do obradoiro.

CELOS. Nivel usuario avanzado.

TALLER DE CREACIÓN ESCÉNICA CON VOADORA A PARTIR DE OTHELLO DE W. SHAKESPEARE

Que relación ten a violencia de xénero e a posverdade no S.XXI? Como se constrúen as mentiras? Conseguirá Iago un ascenso na axencia de fake-news para a que traballa? Teñen Othello e Desdémona revisado a súa relación coa terapeuta de parella? Bianca e Cassio viven nunha relación poliamorosa? Reflexionan Rodrigo e Brabantio sobre a construción das novas identidades no círculo de homes? Quedou sen pilas o altofalante de Emilia na manifestación do 8M?.

Neste taller, impartido pola compañía Voadora, trataranse os temas que aparecen no Othello para observar como evolucionaron ata o noso presente ou como cristalizaron no tempo.

Desde unha perspectiva diametralmente oposta a esta tráxica historia e, empregando a comedia como xerador de discurso sobre a dor e a carraxe, investigarase en escena durante catro sesións compartindo materiais que caracterizan a linguaxe da compañía.

Sobre Voadora

Voadora consolidouse coma unha das compañías de referencia da vangarda escénica española.

A ollada irreverente e a coidada posta en escena caracterizan o seu traballo. Baixo a dirección de Marta Pazos, a compañía galega (Santiago de Compostela, 2007) aposta pola investigación na creación contemporánea cun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas (artes plásticas, música, escena, audiovisual…) e cuxa hibridación resólvese, en cada peza creada, nun acto de profundo e verdadeiro amor pola arte.

Lugar: Casa da Cultura de Ribadavia – Auditorio Manuel María
Enderezo: Avenida Redondela, s/n. Ribadavia
Datas: do 18 ao 21 de xulloHorario: de 10h00 a 14h00 (16 horas)
Dirixido a: Artistas de todas as áreas, criaturas creativas interesadas en investigar nas relacións amorosas e a posverdade. Non é necesaria experiencia escénica previa.
Nº de participantes: 12

Solicitudes: Envía un email co teu C.V. e unha historia persoal de celos en 140 caracteres a solicitudesvoadora@gmail.com

Prazo de inscrición: do 18 de xuño ao 7 de xullo.

Taller Mit 2020