Ribadavia, 15 de xuño de 2018

A MIT presenta o programa da súa 34ª edición, cun total de 21 representacións e un reforzo de espectáculos de rúa.

Inauguración.

O espectáculo de inauguración será Commedia, un xoguete para Goldoni, estrea absoluta e coprodución entre a MIT e a compañía de Cándido Pazó, para despois xirar por outros festivais de verán e teatros do país. O de clausura será a estrea en Galicia do espectáculo inglés The Table, de Blind Summit, premio do Festival Fringe de Edimburgo e un dos mellores espectáculos do mundo segundo varios medios como Guardian, Sunday Telegraph ou Chicago Sun Tribune, entre outros galardóns.

Estrea nacional.

A MIT tamén se congratula de anunciar a estrea en España dos espectáculos internacionais La Goia, do gran artista italiano Pippo Delbono e Ella sobre ella, da recoñecida directora e dramaturga uruguaia Marianella Morena. Dous grandes nomes do teatro contemporáneo internacional, como é costume no festival, que en cada edición reserva un apartado para os artistas escénicos internacionais máis destacados.

Programa.

No programa de 2018, sen obviar o criterio de calidade, a MIT demostra o compromiso de igualdade asinado na pasada edición cos Tempadas de Igualdade, como se pode ver nos espectáculos asinados polas creadoras d’A Panadaría, De Vacas, Marianella Morena, Natalia Menéndez, Laila Ripoll, Cristina Collazo, La Nórdika ou Lali Álvarez.

Do conxunto do estado, preséntase unha escolma dos mellores traballos escénicos do ano en diversos formatos, pois a diversidade de linguaxes e estilos é un dos selos de calidade da MIT. Así haberá circo, teatro musical, teatro documento, drama e comedia procedente de Asturias, Andalucía, Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Extremadura ou Castilla La Mancha. No ámbito internacional, con procedencia de Reino Unido, Italia, Portugal, México e unha mirada especial á creación actual da dramaturxia uruguaia, coa presentación da obra de Marianella Morena e Sergio Blanco.

O programa complétase con cursos, obradoiros, conferencias, presentacións de libros e espectáculos en lugares insólitos, entre os viñedos do Ribeiro e en zonas do rural, dentro do espazo SputMIT, satélites da MIT para poñer en valor a arte no marco excepcional da paisaxe do Ribeiro.